miércoles, 5 de mayo de 2010

Settecento



Settecento é un poema. Cada un dos capítulos ambientados en Venecia comeza con esta fórmula que vai tinguindo de metáforas a cidade das cais. En cada un destes inicios somos envolvidos durante dous (ás veces tres) parágrafos onde a musicalidade, o aire, o ambiente e os recursos son esencialmente líricos. E é que na lectura da nova novela de Calveiro atopamos unha mestura deliciosa de xéneros que nos vai trasladando pola acción, pola contemplación, polo recordo e, ante todo, pola música. Dende a estrutura propia dunha sinfonía esta obra é un libreto barroco no que as melodías percorren as liñas do mesmo xeito que os arpexios sobrevoan o ceo veneciano como tantas veces quixera facer o seu alado león de bronce.

A música, a poesía, a narración pasean por todos os recantos desta historia veneciana que xira arredor da sociedade do xviii na república dos illotes, pero que se afasta do engado da corte ducal para ofrecernos un relato vivo cheo de espazos abertos. A prevalencia destes lugares exteriores faise necesaria nunha vila tan intensamente pechada sobre si mesma, os atrancos da súa composición, o seu íntimo e abafante encerro xeográfico obriga, penso, a mostrarnos as súas rúas, os seus cafés, as súas canles como lugares de acción e encontro.

Settecento é unha lareira. Un lume manso onde lentamente se cociña unha novela que ten os ingredientes necesarios para facer dela unha lectura ampla. Xa que xunto á necesaria narración, a presencia recorrente das melodías e os inicios líricos hai neste prato un espazo importante para a interpretación, para o diálogo fílmico (máis que dramatúrxico) que ofrece un contrapunto de ritmos completo: o lento acorde inmóbil das partes líricas; o movemento piano da descrición; o andante da narración dos acontecementos e finalmente, o allegro dos diálogos. Todo isto compón a melodía de Settecento. Pero, claro, hai máis.

Penso eu que entre as liñas de Settecento circula, como se transitase enmascarado entre as rúas venecianas, o maese Cunqueiro. A narración realista de Calveiro tínguese dunha fantasía cotiá que a min moito me lembra ao mindoniense, quen moi probablemente debeu coñecer e cruzar miradas astutas con Leo na praza de San Marcos ao pouco de dirixirse cara a facenda dos Mocenigo a compartir merenda de castañas e viños doces diante dunha partida de xadrez coa pantasma de Giordano Bruno.

Como en toda peza musical hai momento para o descanso. O interludio compostelán, o grande salto temporal, ten por unha banda este efecto de repouso da acción veneciana, e por outra complementar a historia cun desenlace que me custa definir entre a comedia e a traxedia truncada. Non obstante, este intermedio resúltame un cambio brusco, un contraste diatónico que creba o paso vivo do libro. Por outra banda, a lectura da melodía compostelá recorda quizais demasiado á lectura de Festina Lente, a anterior novela de Calveiro. De todos modos, esta miña impresión habería que entendela do mesmo xeito que se recibe un intermedio cando un disfruta dun espectáculo: o interludio, aínda que necesario, semellaralle que o afasta do seu goce.

Oín xa, que esta novela de Calveiro é unha historia coral. Matizo e eu a chamo polifónica, na que as distintas voces se moven independentes unhas das outras, pero formando un todo harmónico, como non podía ser doutro xeito nunha peza musical como é Settecento.

Título: Settecento
Autor: Marcos (xa sen S.) Calveiro
Editora: Xerais
Ano de publicación: 2010
Recomendable: Si

Esta entrada rematou de comporse 355 anos e un día logo do nacemento de Bartolomeo Cristofori, construtor paduano de instrumentos musicais e inventor do piano.

miércoles, 17 de febrero de 2010

manual da destrución

Para aqueles que gosten da poesía recomendo Manual da destrución,
de Samuel Paris. Pódese descargar de balde aquí

Deixo este adianto:

e a corrida mantívose detida
no aire
durante cinco segundos
e comprendiches o motivo do sexo
nunha estación de servicio campsa


Collan vidiña, devoradores, que isto está moi morto!

miércoles, 8 de julio de 2009

amor amén

Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga, desgarra autenticamente o verso para entrar no mundo abafante do cotián, da rutina feita ruína. Dous poemas longos descarados, duros, adictivos como a droga que se desprende de cada palabra. O váter, as cabichas, a apatía, os residuos...Todo desemboca nun abraiante final.


Amor Amén, Iolanda Zúñiga. Ed.Xerais, 2008

jueves, 20 de noviembre de 2008

Vilezas, amores e enfermidade: Chejov. La Dama del Perrito y otros cuentos

Sorprendeume Chejov.


Non podo comezar doutro xeito logo de ler unha pequena serie de relatos recompilados no volume La señora del perrito y otros cuentos, que resultaron dunha estraña composición que mestura a narración directa e sinxela propia da narrativa rusa da súa época con pasaxes que me resultan curiosos pola súa indefinición.

O peor que podo dicir deste pequeno volume mercado en non sei que rastro e/ou libraría de vello é que non era o que agardaba. Se ben nos meus anos mozos estudei a Chejov polas súas teorizacións e definicións literarias sobre o relato curto, non puidera ou non atopara o momento de lerlle nada ata esta idade que hoxe teño. E creo que foi algo bo. Xa que, coido que con esta idade podo comprender cunha perspectiva menos pasional a súa escrita.

Nos diferentes relatos se nos dá unha imaxe completa e xenérica de certas tipoloxías de amor, de relacións persoais, da burguesía Rusa de finais do XIX e primeiros do XX. Céntrase en relacións atormentadas, difíciles, onde a morte, o amor ou o odio son elementos fundamentais. Especialmente o odio. E foi isto o que mais me sorprendeu do pequeno conxunto de relatos, a gran capacidade de Chejov de describir distintos tipos de odio e que acada puntos maxistrais no relato titulado "El monje negro" e, sobranceiramente en "Historia Anónima". Neste último, que pecha o volume, o odio é unha arte, un personaxe máis, con ritmo e musicalidade propias e que Chejov retrata de modo xenial.

Abofé que logo desta lectura a incursión literaria arredor d'O Tío Vania debe ser unha preferencia nun futuro próximo, iso si, desta vez nunha tradución que teña un algo de decencia.

martes, 21 de octubre de 2008

Unsábadolongo


Este é o título do ano, si. Unsábadolongo é un deses títulos que non se deben deixar pasar.
Poucos libros deixan un pouso tan fondo despois do aparente caos que se transmite nas súas páxinas. Unsábadolongo, do médico Básico Rodríguez (ATENCIÓN: seudónimo!) é unha obra redonda, que se vai facendo con moitos cachiños de testemuños, con descricións de paxaros propios do lugar e con ilustración desas aves. Unha das novidades máis exitosas que presenta esta nova auto-editora é o caderno central do libro, un conxunto de vinte e dúas xeniais ilustracións de paxaros obra de Teresa Cobo e de Wenceslao Lamas.
Finalista do Premio Xerais de novela de 2007, este libro non só narra, senón que presenta os testemuños de diferentes membros dunha comunidade totalmente real (aínda con nomes re-mudados polo autor). O texto está inzado de dialectalismos e formas da lingua oral.
O humor, presente en todo o libro, non abandona ao autor nin sequera nos momentos máis duros.
É o cuarto volume "dunha pentaloxía de crónicas sobre a impunidade perenne" da que, polo de agora, publicou dous títulos: A Transfusión, Impunidade (Crónica 1974-1980) e este Unsábadolongo.
Esta sub-literatura que está neses escuros buracos dos andeis dalgunha ousada libraría (non a procuredes nos suplementos literarios dos xornais, que non a atoparedes) sempre é interesante.
Recoméndovolo, abofé, como unha desas obras das que non se vai falar moito, pero que só o tempo colocará no lugar onde merece.
Unha descuberta , o autor, que publicou na mesma editora: O culto oculto.
Por último, unha manía persoal: non podo pechar estas liñas sen louvar a ousadía de empregar un tipo de letra tan arredondeado (do estilo Futura, sen dúbida) para un libro.
Beizón, pois, para Básico Rodríguez e para A Gracia-VeniaiSEdicións por esta xoia.

Rodríguez, Básico: Unsábadolongo. Polifonía dunha trasnada. (Crónica impunidade IV). Lugo: A Gracia-VeniaiSEdicións. 2008.

miércoles, 1 de octubre de 2008

A casa de Mango Street



-Gústache a literatura chicana? -preguntoume o outro día o primeiro kazakho-alemán reintegracionista que coñezo.
- Si, claro, pero... -Que é literatura chicana? -pregunteime eu.
Trátase do que escriben algúns "hispanos" (sic.) nos Estados Unidos de Norteamérica que non teñen vergoña de facelo. É unha boa definición. Ademais, empregan vocabulario propio e, por suposto, o punto de vista reflicte absolutamente a comunidade na que viven.
A casa de Mango Street é un moi bo exemplo desta literatura. Non sei que é o que máis me gustou do libro: a súa frescura, a narración, o monólogo interior continuo, a transparencia ou a inocencia de quen sabe que esa é unha arma moi potente na literatura.
Sandra Cisneros une con mestría estes 44 contiños, que están conectados entre si polo punto de vista da súa narradora e protagonista, Esperanza, unha nena que vive nun humilde barrio hispano de Chicago.
No primeiro capítulo, Esperanza cóntanos como a súa familia chegou a vivir en Mango Street. Alén desta mudanza, a familia xa pasara por moitas outras casas antes. O que acontece nas seguintes páxinas non vos deixará abandonar a lectura.
A autora publicou os poemarios Bad Boys (1980), My Wicked Wicked Ways (1987) e Muller ceiba (1994), a antoloxía de contos Woman Hollering Creek (1991), a novela Caramelo (2002) e o conto infantil bilingüe Hairs/Pelitos (1994). A casa de Mango Street (1984), a súa primeira novela, foi un éxito rotundo dende a súa publicación. Eloxiada de forma unánime pola crítica e por un público que abarca todas as idades, utilízase en moitas escolas dos Estados Unidos como lectura obrigatoria.
No Día da Tradución creo que cómpre darlle as grazas a Moisés Barcia e a Rinoceronte Editora por este novo agasallo. Beizón.
Agardo os vosos comentarios... e que a nosa irmandade non esmoreza.

Cisneros, Sandra: A casa de Mango Street. Cangas do Morrazo: Rinoceronte Editora. 2008.

jueves, 31 de julio de 2008

Maus

Teño que recoñecelo, son un afeccionado tardío ao comic. Foi recentemente (dende 10 anos para aquí) cando comecei a ler novos autores da península, salferidos de pingas de comic norteamericano de acción. Pouco e pouco foi caendo nas miñas mans algo do chamado comic underground. E aí foi onde coñecín ao señor Spiegelman, e aí foi cando os meus ollos coñeceron Maus, e aí foi, hai cousa duns seis anos, que a fascinación por este volume me cautivou dun xeito tal que de cando en cando debo volver ás súas páxinas, á súa forma tan singular e clásica de narrar; aos múltiples puntos de vista dende que trata a historia; á sinxeleza complexa das súas personaxes.

O holocausto foi (e é) un suceso terrible e descarnado dos que nunca deberan acontecer entre os que nos damos en proclamarnos seres humanos. E en Maus o grande crime do século XX non está exento de dramatismo, de crueza, mais o tratamento é distinto, singular, único. Vémolo dende a distancia dunha xeración nacida tras o remate da guerra, pero cuxa vida familiar viuse truncada polo conflito e que forma parte do inicio do interese en contar a historia.


Maus é unha lección múltiple de Historia, en primeiro lugar da Historia con maiúsculas, dos diferentes acontecementos que van dende o comezo da guerra ata o cativerio e a liberación dun grupo de xudeus que rematan cos seus osos no campo de concentración de Auschwitz. Pero tamén está contida aquí a Historia social dese momento, a historia familiar e persoal dos narradores, a historia filosófica: a superación, a decadencia moral e a degradación absoluta do ser humano; e todo isto dentro dunha excepcional historia narrativa que flúe con absoluta naturalidade, froito como é da conversa, do relato arredor dunha mesa de café ou dun breve paseo ata a tenda do barrio.

Maus é un éxito de crítica internacional, un best-seller, unha novela gráfica cun pulitzer no seu lombo que compite cos autores máis taquilleiros nos principais rankings de vendas, mais non por iso perde o seu espírito libre.

lunes, 21 de julio de 2008

Juno und Ganymed

Hoxe quérovos escribir un pouquiño sobre un libro sorprendente: "Juno y Ganímedes" (na tradución ao castelán de Ibon Zubiaur) non deixa a ninguén sen reaccionar.
Christoph Martin Wieland, practicamente un descoñecido no noso paí, foi o mellor escritor da literatura alemá até a aparición de Goethe.
Nesta obra tematízase sen medo o desexo homosexual e a naturalidade coa que se trata parece máis propia do século XXI ca do XVIII.
Unha provocación do xénero mitolóxico que dá
Graciñas ao señor Zubiaur por achegarnos a Wieland coa súa tradución.
Déixovos cos últimos versos do poema:

"Pues muy bien, señor mío, sois muy libre
de pacer como os guste por sus almas;
os concedo esta noble inclinación,
y humilde, como veis, yo me conformo
con la parte más baja del chaval."
Que vos preste!

Wieland, Cristian Martin: Juno y Ganímedes. Tradución, prólogo e notas de Ibon Zubiaur. Madrid: Bartleby Editores. 2007.

miércoles, 4 de junio de 2008

poesía para todos : pêle-mêle fel


Doume a benvida e saúdovos a todos por primeira vez con ansia e agardando que isto dure moito tempo.
Como é o meu primeiro post, gustaríame xogar a paralelismos e falar aquí do libro decisivo da miña vida: o primeiro libro de poemas que lin por min mesma.
Foi nunha feira do libro este amor a primeira vista, un título que soa e resoa na cabeza e leva por autor a Franck Meyer, daquela un descoñecido para min. 84 páxinas de poemas curtos, poemas escritos en galego, por un nado en Francia e criado en Alemaña (que ousadía!) Isto si que me chamou a atención! Así foi que tiven que levalo á miña casa.
Dixen que foi o libro decisivo da miña vida porque con el descubrín unha poesía que non me mostraran no colexio. Descubrín a poesía do cotián, a poesía de linguaxe sinxela e directa.
A poesía escrita nun cuarto que podería ser o cuarto meu, o teu, o del.

Foi que namorei del.
E despois de coñecelo comecei a escribir versos.

Recomendo este libro ferventemente, sobretodo aos que non gustan moito deste xénero, porque é ideal para comezar a mergullarse na lírica. Déixovos un aperitivo:

[...]
qué fago aquí
miro a chuvia batida polo vento contra o vidro sucio
o po aquí cheira a alerxia
de cando en vez aínda atopo pelos teus a penas podendo crelo
fica logo algo de ti neste cuarto se ben nada máis que células mortas

(pêle-mêle fel; Franck Meyer)

sábado, 31 de mayo de 2008

Patrick O'Brian- A saga Aubrey - Maturin

Saúdos!, son o novo xd.

Cando descubrín que existía esta irmandade secreta, gustoume moito a idea. Nun principio pensei en falar dalgunha das grandes obras da nosa lingua, pero sería caer demasiado cedo no topicazo así que, despois pensalo un pouco máis, pensei en falar sobre unha saga de novelas británicas: a do capitán Jack Aubrey e o doutor Stephen Maturin.

Aubrey - Maturin

En total son vinteún libros, levados ao cine baixo o nome “Master and Comander”; a acción situase na época napoleónica e narran cunha linguaxe precisa e técnica batallas navais e terrestres. A acción e o ritmo fai que sexan lecturas moi levadeiras.

Pese a que a figura do capitán loiro é guaperas de Jack Aubrey corresponde coa actualmente coñecida a través da película, sobre todo entre as fans de Russell Crowe, e que a película está ben feita, non desvela o verdadeiro perfil do Doutor Maturin, axente secreto e nacionalista catalán e irlandés.

Namentres, nas novelas, aparte das batallas e aventuras entretidas o autor vai intercalando algún contido político a través das aventuras do Doutor, o cal, pasa de ser un personaxe case secundario e subordinado a Jack Aubrey no primeiro libro a ocupar un papel moi importante dentro do servizo de intelixencia británico no transcurso da saga, participando activamente nos movementos de independencia das colonias españolas latinoamericanas. Un perfil que, investigando na biografía do autor irlandés Patrick O'Brian, resulta ser moi autobiográfico.

O Doutor Maturin ten logo moi pouco que ver coa visión que dá del a película. Nacionalista catalán e irlandés. loita contra a tiranía francesa encarnada por Napoleón e o expansionismo castelán-español, pola liberdade dos cataláns e irlandeses. Para tratar de conseguir esa ansiada liberdade ten que colaborar cos ingleses, pese a que non lle fai ningunha graza.

Este axente secreto destaca pola súa intelixencia e profesionalidade, tanto en canto a espía, como a naturalista e médico. Ten unha gran facilidade para a aprendizaxe das linguas - aprendendo varias ao longo das novelas - e é un bo espadachín e pistoleiro. Stephen Maturin tamén é politoxicomano, ao longo das novelas consume diferentes drogas como opio e follas de coca; presenta este lado escuro como unha debilidade, sen que en ningún caso faga apoloxía do seu consumo, pero esta é unha realidade social que non é exclusiva da nosa época e que non acostuma a aparecer nas novelas ambientadas noutras épocas.

Como nacionalista Maturin militou nos “Irlandeses Unidos” e ó longo das novelas mantén contacto con diferentes movementos nacionalistas como os indixenistas sudamericanos.

O Capitán Jack Aubrey é pola contra o estereotipo do capitán de mariña inglés. Pese a súa acomodada familia, adoita ter ao longo da novela diferentes problemas económicos xa que ten unha gran facilidade para ser estafado en terra. Coñecido na mariña como “Jack o afortunado”, consegue moitas vitorias en batallas navais ao longo das novelas, chegando a ser almirante, moitas das cales son capturas de barcos da Armada Española a que é descrita de forma moi realista, como uns incompetentes.

Ata o momento non hai ningún libro da saga traducida a nosa lingua, polo que temos que lelos noutros idiomas. A versión orixinal merece a pena, sobre todo polo léxico mariñeiro empregado, pero é bastante difícil; a tradución castelá é bastante mala pero tamén están traducidos ao portugués e o catalán.


Autor: Patrick O'Brian, diversas edicións e anos de publicación.

domingo, 30 de marzo de 2008

Algo de polémica... con outros ollos



"Desde a outra banda das barras e do mar,
desde a Galicia dos castros, Fidel e Rosalía,
pomos convosco o pé no xugo,
irmáns na besta incursos,
no verso e na voz e na alta noite mesma (...)"
Anxo Angueira

Non pretendemos facer propaganda con isto. Algunhas veces falamos sen coñecer. Outras veces discutimos o que nos din. Pero moitas outras veces, calamos coma p_t_s e achantamos fronte ás versións oficiais.
Apetecíame mudar de xénero nas miñas viaxes literarias. Este libro impresionoume moito. Non adoito ler biografías nin entrevistas tan longas, pero pagou a pena facer unha excepción con Fidel. Enxalzado por uns poucos e moi criticado polos máis, este personaxe do Século XX responde todas as preguntas que lle formula Ramonet. Non é unha entrevista sinxela, senón que ataca moitas veces os puntos máis conflitivos da democracia cubana. Trátanse moitas cuestións polémicas (o carácter da Revolución, o comunismo, as relacións co resto do mundo, as posíbeis invasións do exército estadounidense, a falta dalgunhas liberdades, as eleccións cubanas, a consideración de países europeos, o futuro da illa, etc.) pero hai tamén moita historia ben contada nas máis de seiscentas páxinas das que gozamos cunha precisa análise do mundo no que vivimos.
Revisado polo Compañeiro Fidel en 2006, é un libro que está de actualidade e que nunca deixará de estalo.
Para ler antes, durante ou despois de ir de visita a Cuba.
Moi recomendado para comunistas pero, sobre todo, para as persoas máis críticas co sistema cubano e co señor Castro.

Ignacio Ramonet: Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. Vigo: Xerais. 2007.

jueves, 13 de marzo de 2008

Polo sacro estadarte de El Rei

Levo días argallando que argumento debía usar como fío argumental para esta miña devoración (especialmente gostosa neste caso) e a cada pouco me sobreviña un pensamento: A este país fáltalle épica. Analizando polo miúdo esa hipótese cheguei a varias conclusións. En primeiro lugar non é que a este meu país lle falten sucesos heroicos (só teño que pensar nos percebeiros), o que si lle falta a este noso terruño son narradores que nos lembren que non somos un país de servos. O que nos falta non é Ivanhoe senón Walter Scott.

A Morte de Rei nace do puño dun fillo de labregos pobres de Roás, da man dun vendedor de libros que ten a capacidade de escribir palabras fermosas, das máis fermosas e ben traballadas que hoxe poden oírse. É o Darío un exemplo para narrar heroicidades porque como home é un home honesto e humilde, que ben pode techar un faiado como darnos o máis sensible dos cálamos, que pode aloumiñar a nosa alma brevemente, ou brotar de raiba un natural aturuxo. E así é este Morte de Rei.

Permitídeme que a paixón me leve por derroteiros que non agardaba no comezo: a lectura deste delicioso volume debera ser unha obriga non en todas as escolas, senón en todas as casas (o que podería ser un xeito bon de facer un Censo Vecindario, coma os que outrora se estilaban). Quen non quererá formar parte do exercito dun rei tan sabio, quen non poría a vida por peñor na espada dun rei tan amable, quen non se confortaría coa mirada amiga dun rei-camarada. Eu, pacifista, republicano e a miúdo covarde, deixaría que a raiba do vento levase o meu aceiro no flanco de nemedaos do exercito do rei... (ao igual que aos 9 anos daba voz por Ricardo Corazón de León ante a lectura de Walter Scott).

Ben sei que este rei tan bon e cun final tan amargue non é un fiel retrato de ningún rei pasado, e ben sei tamén que o rei que nos mostra é un rei imperfecto mais de alma pura, e é ese comandante o que se me presenta coma un rossignol. Esa imaxe dun lider bon, xusto, próximo e amable, porque, mal que nos pese, todos precisamos guías, chamádeos reis, chamádeos exemplos, chamenos como os meus irmáns estimen.

Coido que, cada alma sensible, ao ler esta ensoñación de cabaleiros (ou aínda máis, ao ler a ensoñación d'O Cervo na Torre), debe deixar escapar un breve laio, unha bagoiña que escorregue polo corpo enteiro e deixala prendida da súa páxina final, pois paga a pena salgalo...

martes, 11 de marzo de 2008

Os Fillos da Terra

Ola Irmáns,
Gran proxecto o do Gran Mestre!! Dende xa, o meu apoio e a miña intención de participar sempre que teña algún bo libro que comentar, eu, que son ben pouco amiga de participar nestes foros abertos a tantos ollos.
Como sempre, o principio é importante. Para min, a elección de libro para o estreo é doada. Chegou ás miñas mans como un pequeno tesouro familiar que foi (e aínda está) pasando polas mans dos integrantes da miña familia. Trátase dunha colección títulada Os Fillos da Terra e escrita por Jean M. Auel. A versión orixinal é inglesa e, que eu saiba, non hai tradución ao galego. A colección consta de 5 volumes (O clan do oso cavernario, O val dos cabalos, Os cazadores de mamuts, As planicies en tránsito e Os refuxios de pedra). A historia sitúase na prehistoria e permítenos acompañar a Ayla (de quen me permito adoptar o meu alcume) a través da súa vida. Ela é unha nena homo sapiens que perde a súa familia nun terremoto e que é recollida por un clan de homo neanderthalensis, polo que terá que adaptarse á vida e aos costumes deste grupo de persoas. Esta adopción marcará absolutamente toda a súa vida, mesmo cando deixe de vivir con eles para buscar individuos da súa especie. Como non quero esnaquizar a colección, non darei moitos máis detalles sobre a historia. Moito positivo e pouco negativo atopamos no libro:
- O negativo: as constantes analepses e referencias aos libros pasados que a autora se ve obrigada a facer, sobre todo nos últimos libros da colección, e que en ocasións provocan certa pesadez na lectura.
- O positivo: o afán de superación, as ganas de aprender, de ser mellor, de conseguir vivir sendo completamente autosuficiente, a capacidade de decidir, de romper os tabús, de pensar por si mesma que acompañan a Ayla durante toda a historia fan que para min este sexa un libro especial. Ayla, a rapaza indefensa que está a piques de morrer canda toda a súa tribu, consegue vivir e sobrevivir con xentes que non entende e que non a entenden, e esta supervivencia vese durante toda a historia.
A superación persoal, a amizade verdadeira, a xenerosidade total, o amor son algúns dos trazos positivos que tinguen esta historia prehistórica, trazos que aínda hoxe todos queremos que tingan as nosas historias persoais. Sen dúbida, unha lectura para recomendar.

Los Hijos de la Tierra, Jean M. Auel, Maeva 1994.

domingo, 9 de marzo de 2008

Bernardo Atxaga: o xenial director de orquestra.

Non sabía con que libro comezar. Pensei moito nisto, pero creo que, despois dun tempo, non é tan importante. Son Turzi e pretendo dar dúas ou tres pinceladas dalgúns libros que me gustaron. Non son un bo crítico, non lin moitas das grandes obras literarias do canon. Estou contra o canon (aínda que sei que existe) e contra a creación de novas listas imprescindíbeis. Cales son os 100 mellores lugares onde vivirías? cales as 100 mellores películas? cales os modelos máis guapos? e os 100 mellores libros? Vaia, que prefiro ler e compartir con vós -informalmente e sen ánimo de sentar cátedra- o que me pareceron algúns libriños.

Eis a miña primeira viaxe literaria:

Algunhas veces topamos con libros que non podemos deixar de ler, que nos transforman durante días nos que avanzamos na trama e fan que desconectemos da realidade e que vivamos canda os seus personaxes. Sen dúbida, este é un deles.
O fillo do acordeonista métenos de cheo na Patria Vasca, pero non nos referimos a "Vasca" dun xeito seriano nin copetiano, senón que se trata da outra patria, a das palabras ("A minha pátria é a minha língua").
Grazas á tradución de Ramón Nicolás (mágoa dunha mellor revisión final) puidemos ler en galego a historia de Joseba e David, dous amigos que se encontran en California e rememoran os seus días da infancia en 1957 na escola de Obaba -unha aldea do norte de Navarra que Atxaga lanzou ao mundo con Obabakoak- retratada dende os tempos da Guerra Civil de España aos da posguerra e remate do franquismo.
Cando novo, David vive feliz cos seus amigos de Obaba, pero pouco a pouco ve cousas ben estrañas que ninguén lle explica. As familias calan, non se conta nada. O silencio é oprimente e transfórmase nun compañeiro inseparábel. Durante a súa adolescencia o fillo do acordeonista procura información sobre o que aconteceu en Obaba no pasado coa súa familia e coas dos seus amigos. David acaba por se posicionar nun bando distinto ao do acordeonista.
Bernardo Atxaga, quen xa nos sorprendera con Obabakoak e Memorias dunha vaca creou unha novela tremendamente humana. É esta unha obra que reflicte o interior dos personaxes da cuadrilla de David -e onde as relacións que este estabelece con cada un deles teñen moitísima forza-. Alén disto, a natureza e a paisaxe transfórmanse en dúas personaxes importantísimas no libro e as montañas e os vales forman parte da acción.
O xenial autor guipuscoano, como un director de orquestra que prepara e afina todos os instrumentos para que soen ben, sérvese do relato para tocar o tema da amizade, da memoria, da saudade, do compañeirismo, da traizón e tamén da morriña de quen deixa a súa terra sabendo positivamente que nunca voltará a ela.
Como se comentou na presentación do libro, hai xa catro anos, é probábel que esteamos perante a maior novela en Euskara escrita até hoxe.
A súa lectura desmonta moitos tópicos sobre Euskal Herria, tópicos que se construíron en épocas nas que interesaba ofrecer unha determinada imaxe e que limitan a visión dos vascos e das vascas polo mundo adiante.
Beizón ao señor Atxaga por este agasallo.

Atxaga, Bernardo: O fillo do acordeonista. Vigo: Xerais. 2004.

viernes, 22 de febrero de 2008

Evocacion Devoradora: Fausto

É o Fausto unha desas lecturas que soen figurar no cadro das débedas, unha historia universal que, por repetida en diferentes tradicións literarias, todos coñecemos cremos coñecer.

Unha vez satisfeito o caixón do debe, saciada a sede devoradora, o seu pouso resulta dun sabor agridoce malia a pobre tradución: por unnha banda a grande obra, por outra banda a alma encollida coma un rato. A lectura ten un pouco de decepción por tratárense de temas e lugares moi comúns e recorrentes, non obstante como digo, a escapada ao mal obriga a alma lectora a sorprenderse a cada paso, a retraerse e botar un ollo sobre si mesma, atopando evidencias do mal no seu interior. O fondo pseudoapocalíptico do Fausto non é senón un escenario, un pano pintado, un mural que agacha o verdadeiro caos, o turbulento remuíño no que as almas caen, o seu ego primixenio.

É polo tanto o Fausto, un lugar onde a alma pode ser examinada e sometida ao ollo crítico do lector co seu propio ser. O Fausto é, por tanto, unha referencia de comparación...

A miña próxima lectura <Se o vello Simbad volvese ás Illas, Maese Cunqueiro> ou quizabes <Morte de Rei do escriba Cabana>