martes, 21 de octubre de 2008

Unsábadolongo


Este é o título do ano, si. Unsábadolongo é un deses títulos que non se deben deixar pasar.
Poucos libros deixan un pouso tan fondo despois do aparente caos que se transmite nas súas páxinas. Unsábadolongo, do médico Básico Rodríguez (ATENCIÓN: seudónimo!) é unha obra redonda, que se vai facendo con moitos cachiños de testemuños, con descricións de paxaros propios do lugar e con ilustración desas aves. Unha das novidades máis exitosas que presenta esta nova auto-editora é o caderno central do libro, un conxunto de vinte e dúas xeniais ilustracións de paxaros obra de Teresa Cobo e de Wenceslao Lamas.
Finalista do Premio Xerais de novela de 2007, este libro non só narra, senón que presenta os testemuños de diferentes membros dunha comunidade totalmente real (aínda con nomes re-mudados polo autor). O texto está inzado de dialectalismos e formas da lingua oral.
O humor, presente en todo o libro, non abandona ao autor nin sequera nos momentos máis duros.
É o cuarto volume "dunha pentaloxía de crónicas sobre a impunidade perenne" da que, polo de agora, publicou dous títulos: A Transfusión, Impunidade (Crónica 1974-1980) e este Unsábadolongo.
Esta sub-literatura que está neses escuros buracos dos andeis dalgunha ousada libraría (non a procuredes nos suplementos literarios dos xornais, que non a atoparedes) sempre é interesante.
Recoméndovolo, abofé, como unha desas obras das que non se vai falar moito, pero que só o tempo colocará no lugar onde merece.
Unha descuberta , o autor, que publicou na mesma editora: O culto oculto.
Por último, unha manía persoal: non podo pechar estas liñas sen louvar a ousadía de empregar un tipo de letra tan arredondeado (do estilo Futura, sen dúbida) para un libro.
Beizón, pois, para Básico Rodríguez e para A Gracia-VeniaiSEdicións por esta xoia.

Rodríguez, Básico: Unsábadolongo. Polifonía dunha trasnada. (Crónica impunidade IV). Lugo: A Gracia-VeniaiSEdicións. 2008.

No hay comentarios: