jueves, 31 de julio de 2008

Maus

Teño que recoñecelo, son un afeccionado tardío ao comic. Foi recentemente (dende 10 anos para aquí) cando comecei a ler novos autores da península, salferidos de pingas de comic norteamericano de acción. Pouco e pouco foi caendo nas miñas mans algo do chamado comic underground. E aí foi onde coñecín ao señor Spiegelman, e aí foi cando os meus ollos coñeceron Maus, e aí foi, hai cousa duns seis anos, que a fascinación por este volume me cautivou dun xeito tal que de cando en cando debo volver ás súas páxinas, á súa forma tan singular e clásica de narrar; aos múltiples puntos de vista dende que trata a historia; á sinxeleza complexa das súas personaxes.

O holocausto foi (e é) un suceso terrible e descarnado dos que nunca deberan acontecer entre os que nos damos en proclamarnos seres humanos. E en Maus o grande crime do século XX non está exento de dramatismo, de crueza, mais o tratamento é distinto, singular, único. Vémolo dende a distancia dunha xeración nacida tras o remate da guerra, pero cuxa vida familiar viuse truncada polo conflito e que forma parte do inicio do interese en contar a historia.


Maus é unha lección múltiple de Historia, en primeiro lugar da Historia con maiúsculas, dos diferentes acontecementos que van dende o comezo da guerra ata o cativerio e a liberación dun grupo de xudeus que rematan cos seus osos no campo de concentración de Auschwitz. Pero tamén está contida aquí a Historia social dese momento, a historia familiar e persoal dos narradores, a historia filosófica: a superación, a decadencia moral e a degradación absoluta do ser humano; e todo isto dentro dunha excepcional historia narrativa que flúe con absoluta naturalidade, froito como é da conversa, do relato arredor dunha mesa de café ou dun breve paseo ata a tenda do barrio.

Maus é un éxito de crítica internacional, un best-seller, unha novela gráfica cun pulitzer no seu lombo que compite cos autores máis taquilleiros nos principais rankings de vendas, mais non por iso perde o seu espírito libre.

No hay comentarios: