sábado, 31 de mayo de 2008

Patrick O'Brian- A saga Aubrey - Maturin

Saúdos!, son o novo xd.

Cando descubrín que existía esta irmandade secreta, gustoume moito a idea. Nun principio pensei en falar dalgunha das grandes obras da nosa lingua, pero sería caer demasiado cedo no topicazo así que, despois pensalo un pouco máis, pensei en falar sobre unha saga de novelas británicas: a do capitán Jack Aubrey e o doutor Stephen Maturin.

Aubrey - Maturin

En total son vinteún libros, levados ao cine baixo o nome “Master and Comander”; a acción situase na época napoleónica e narran cunha linguaxe precisa e técnica batallas navais e terrestres. A acción e o ritmo fai que sexan lecturas moi levadeiras.

Pese a que a figura do capitán loiro é guaperas de Jack Aubrey corresponde coa actualmente coñecida a través da película, sobre todo entre as fans de Russell Crowe, e que a película está ben feita, non desvela o verdadeiro perfil do Doutor Maturin, axente secreto e nacionalista catalán e irlandés.

Namentres, nas novelas, aparte das batallas e aventuras entretidas o autor vai intercalando algún contido político a través das aventuras do Doutor, o cal, pasa de ser un personaxe case secundario e subordinado a Jack Aubrey no primeiro libro a ocupar un papel moi importante dentro do servizo de intelixencia británico no transcurso da saga, participando activamente nos movementos de independencia das colonias españolas latinoamericanas. Un perfil que, investigando na biografía do autor irlandés Patrick O'Brian, resulta ser moi autobiográfico.

O Doutor Maturin ten logo moi pouco que ver coa visión que dá del a película. Nacionalista catalán e irlandés. loita contra a tiranía francesa encarnada por Napoleón e o expansionismo castelán-español, pola liberdade dos cataláns e irlandeses. Para tratar de conseguir esa ansiada liberdade ten que colaborar cos ingleses, pese a que non lle fai ningunha graza.

Este axente secreto destaca pola súa intelixencia e profesionalidade, tanto en canto a espía, como a naturalista e médico. Ten unha gran facilidade para a aprendizaxe das linguas - aprendendo varias ao longo das novelas - e é un bo espadachín e pistoleiro. Stephen Maturin tamén é politoxicomano, ao longo das novelas consume diferentes drogas como opio e follas de coca; presenta este lado escuro como unha debilidade, sen que en ningún caso faga apoloxía do seu consumo, pero esta é unha realidade social que non é exclusiva da nosa época e que non acostuma a aparecer nas novelas ambientadas noutras épocas.

Como nacionalista Maturin militou nos “Irlandeses Unidos” e ó longo das novelas mantén contacto con diferentes movementos nacionalistas como os indixenistas sudamericanos.

O Capitán Jack Aubrey é pola contra o estereotipo do capitán de mariña inglés. Pese a súa acomodada familia, adoita ter ao longo da novela diferentes problemas económicos xa que ten unha gran facilidade para ser estafado en terra. Coñecido na mariña como “Jack o afortunado”, consegue moitas vitorias en batallas navais ao longo das novelas, chegando a ser almirante, moitas das cales son capturas de barcos da Armada Española a que é descrita de forma moi realista, como uns incompetentes.

Ata o momento non hai ningún libro da saga traducida a nosa lingua, polo que temos que lelos noutros idiomas. A versión orixinal merece a pena, sobre todo polo léxico mariñeiro empregado, pero é bastante difícil; a tradución castelá é bastante mala pero tamén están traducidos ao portugués e o catalán.


Autor: Patrick O'Brian, diversas edicións e anos de publicación.