martes, 21 de octubre de 2008

Unsábadolongo


Este é o título do ano, si. Unsábadolongo é un deses títulos que non se deben deixar pasar.
Poucos libros deixan un pouso tan fondo despois do aparente caos que se transmite nas súas páxinas. Unsábadolongo, do médico Básico Rodríguez (ATENCIÓN: seudónimo!) é unha obra redonda, que se vai facendo con moitos cachiños de testemuños, con descricións de paxaros propios do lugar e con ilustración desas aves. Unha das novidades máis exitosas que presenta esta nova auto-editora é o caderno central do libro, un conxunto de vinte e dúas xeniais ilustracións de paxaros obra de Teresa Cobo e de Wenceslao Lamas.
Finalista do Premio Xerais de novela de 2007, este libro non só narra, senón que presenta os testemuños de diferentes membros dunha comunidade totalmente real (aínda con nomes re-mudados polo autor). O texto está inzado de dialectalismos e formas da lingua oral.
O humor, presente en todo o libro, non abandona ao autor nin sequera nos momentos máis duros.
É o cuarto volume "dunha pentaloxía de crónicas sobre a impunidade perenne" da que, polo de agora, publicou dous títulos: A Transfusión, Impunidade (Crónica 1974-1980) e este Unsábadolongo.
Esta sub-literatura que está neses escuros buracos dos andeis dalgunha ousada libraría (non a procuredes nos suplementos literarios dos xornais, que non a atoparedes) sempre é interesante.
Recoméndovolo, abofé, como unha desas obras das que non se vai falar moito, pero que só o tempo colocará no lugar onde merece.
Unha descuberta , o autor, que publicou na mesma editora: O culto oculto.
Por último, unha manía persoal: non podo pechar estas liñas sen louvar a ousadía de empregar un tipo de letra tan arredondeado (do estilo Futura, sen dúbida) para un libro.
Beizón, pois, para Básico Rodríguez e para A Gracia-VeniaiSEdicións por esta xoia.

Rodríguez, Básico: Unsábadolongo. Polifonía dunha trasnada. (Crónica impunidade IV). Lugo: A Gracia-VeniaiSEdicións. 2008.

miércoles, 1 de octubre de 2008

A casa de Mango Street



-Gústache a literatura chicana? -preguntoume o outro día o primeiro kazakho-alemán reintegracionista que coñezo.
- Si, claro, pero... -Que é literatura chicana? -pregunteime eu.
Trátase do que escriben algúns "hispanos" (sic.) nos Estados Unidos de Norteamérica que non teñen vergoña de facelo. É unha boa definición. Ademais, empregan vocabulario propio e, por suposto, o punto de vista reflicte absolutamente a comunidade na que viven.
A casa de Mango Street é un moi bo exemplo desta literatura. Non sei que é o que máis me gustou do libro: a súa frescura, a narración, o monólogo interior continuo, a transparencia ou a inocencia de quen sabe que esa é unha arma moi potente na literatura.
Sandra Cisneros une con mestría estes 44 contiños, que están conectados entre si polo punto de vista da súa narradora e protagonista, Esperanza, unha nena que vive nun humilde barrio hispano de Chicago.
No primeiro capítulo, Esperanza cóntanos como a súa familia chegou a vivir en Mango Street. Alén desta mudanza, a familia xa pasara por moitas outras casas antes. O que acontece nas seguintes páxinas non vos deixará abandonar a lectura.
A autora publicou os poemarios Bad Boys (1980), My Wicked Wicked Ways (1987) e Muller ceiba (1994), a antoloxía de contos Woman Hollering Creek (1991), a novela Caramelo (2002) e o conto infantil bilingüe Hairs/Pelitos (1994). A casa de Mango Street (1984), a súa primeira novela, foi un éxito rotundo dende a súa publicación. Eloxiada de forma unánime pola crítica e por un público que abarca todas as idades, utilízase en moitas escolas dos Estados Unidos como lectura obrigatoria.
No Día da Tradución creo que cómpre darlle as grazas a Moisés Barcia e a Rinoceronte Editora por este novo agasallo. Beizón.
Agardo os vosos comentarios... e que a nosa irmandade non esmoreza.

Cisneros, Sandra: A casa de Mango Street. Cangas do Morrazo: Rinoceronte Editora. 2008.