jueves, 20 de noviembre de 2008

Vilezas, amores e enfermidade: Chejov. La Dama del Perrito y otros cuentos

Sorprendeume Chejov.


Non podo comezar doutro xeito logo de ler unha pequena serie de relatos recompilados no volume La señora del perrito y otros cuentos, que resultaron dunha estraña composición que mestura a narración directa e sinxela propia da narrativa rusa da súa época con pasaxes que me resultan curiosos pola súa indefinición.

O peor que podo dicir deste pequeno volume mercado en non sei que rastro e/ou libraría de vello é que non era o que agardaba. Se ben nos meus anos mozos estudei a Chejov polas súas teorizacións e definicións literarias sobre o relato curto, non puidera ou non atopara o momento de lerlle nada ata esta idade que hoxe teño. E creo que foi algo bo. Xa que, coido que con esta idade podo comprender cunha perspectiva menos pasional a súa escrita.

Nos diferentes relatos se nos dá unha imaxe completa e xenérica de certas tipoloxías de amor, de relacións persoais, da burguesía Rusa de finais do XIX e primeiros do XX. Céntrase en relacións atormentadas, difíciles, onde a morte, o amor ou o odio son elementos fundamentais. Especialmente o odio. E foi isto o que mais me sorprendeu do pequeno conxunto de relatos, a gran capacidade de Chejov de describir distintos tipos de odio e que acada puntos maxistrais no relato titulado "El monje negro" e, sobranceiramente en "Historia Anónima". Neste último, que pecha o volume, o odio é unha arte, un personaxe máis, con ritmo e musicalidade propias e que Chejov retrata de modo xenial.

Abofé que logo desta lectura a incursión literaria arredor d'O Tío Vania debe ser unha preferencia nun futuro próximo, iso si, desta vez nunha tradución que teña un algo de decencia.