jueves, 31 de julio de 2008

Maus

Teño que recoñecelo, son un afeccionado tardío ao comic. Foi recentemente (dende 10 anos para aquí) cando comecei a ler novos autores da península, salferidos de pingas de comic norteamericano de acción. Pouco e pouco foi caendo nas miñas mans algo do chamado comic underground. E aí foi onde coñecín ao señor Spiegelman, e aí foi cando os meus ollos coñeceron Maus, e aí foi, hai cousa duns seis anos, que a fascinación por este volume me cautivou dun xeito tal que de cando en cando debo volver ás súas páxinas, á súa forma tan singular e clásica de narrar; aos múltiples puntos de vista dende que trata a historia; á sinxeleza complexa das súas personaxes.

O holocausto foi (e é) un suceso terrible e descarnado dos que nunca deberan acontecer entre os que nos damos en proclamarnos seres humanos. E en Maus o grande crime do século XX non está exento de dramatismo, de crueza, mais o tratamento é distinto, singular, único. Vémolo dende a distancia dunha xeración nacida tras o remate da guerra, pero cuxa vida familiar viuse truncada polo conflito e que forma parte do inicio do interese en contar a historia.


Maus é unha lección múltiple de Historia, en primeiro lugar da Historia con maiúsculas, dos diferentes acontecementos que van dende o comezo da guerra ata o cativerio e a liberación dun grupo de xudeus que rematan cos seus osos no campo de concentración de Auschwitz. Pero tamén está contida aquí a Historia social dese momento, a historia familiar e persoal dos narradores, a historia filosófica: a superación, a decadencia moral e a degradación absoluta do ser humano; e todo isto dentro dunha excepcional historia narrativa que flúe con absoluta naturalidade, froito como é da conversa, do relato arredor dunha mesa de café ou dun breve paseo ata a tenda do barrio.

Maus é un éxito de crítica internacional, un best-seller, unha novela gráfica cun pulitzer no seu lombo que compite cos autores máis taquilleiros nos principais rankings de vendas, mais non por iso perde o seu espírito libre.

lunes, 21 de julio de 2008

Juno und Ganymed

Hoxe quérovos escribir un pouquiño sobre un libro sorprendente: "Juno y Ganímedes" (na tradución ao castelán de Ibon Zubiaur) non deixa a ninguén sen reaccionar.
Christoph Martin Wieland, practicamente un descoñecido no noso paí, foi o mellor escritor da literatura alemá até a aparición de Goethe.
Nesta obra tematízase sen medo o desexo homosexual e a naturalidade coa que se trata parece máis propia do século XXI ca do XVIII.
Unha provocación do xénero mitolóxico que dá
Graciñas ao señor Zubiaur por achegarnos a Wieland coa súa tradución.
Déixovos cos últimos versos do poema:

"Pues muy bien, señor mío, sois muy libre
de pacer como os guste por sus almas;
os concedo esta noble inclinación,
y humilde, como veis, yo me conformo
con la parte más baja del chaval."
Que vos preste!

Wieland, Cristian Martin: Juno y Ganímedes. Tradución, prólogo e notas de Ibon Zubiaur. Madrid: Bartleby Editores. 2007.