domingo, 30 de marzo de 2008

Algo de polémica... con outros ollos



"Desde a outra banda das barras e do mar,
desde a Galicia dos castros, Fidel e Rosalía,
pomos convosco o pé no xugo,
irmáns na besta incursos,
no verso e na voz e na alta noite mesma (...)"
Anxo Angueira

Non pretendemos facer propaganda con isto. Algunhas veces falamos sen coñecer. Outras veces discutimos o que nos din. Pero moitas outras veces, calamos coma p_t_s e achantamos fronte ás versións oficiais.
Apetecíame mudar de xénero nas miñas viaxes literarias. Este libro impresionoume moito. Non adoito ler biografías nin entrevistas tan longas, pero pagou a pena facer unha excepción con Fidel. Enxalzado por uns poucos e moi criticado polos máis, este personaxe do Século XX responde todas as preguntas que lle formula Ramonet. Non é unha entrevista sinxela, senón que ataca moitas veces os puntos máis conflitivos da democracia cubana. Trátanse moitas cuestións polémicas (o carácter da Revolución, o comunismo, as relacións co resto do mundo, as posíbeis invasións do exército estadounidense, a falta dalgunhas liberdades, as eleccións cubanas, a consideración de países europeos, o futuro da illa, etc.) pero hai tamén moita historia ben contada nas máis de seiscentas páxinas das que gozamos cunha precisa análise do mundo no que vivimos.
Revisado polo Compañeiro Fidel en 2006, é un libro que está de actualidade e que nunca deixará de estalo.
Para ler antes, durante ou despois de ir de visita a Cuba.
Moi recomendado para comunistas pero, sobre todo, para as persoas máis críticas co sistema cubano e co señor Castro.

Ignacio Ramonet: Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. Vigo: Xerais. 2007.

jueves, 13 de marzo de 2008

Polo sacro estadarte de El Rei

Levo días argallando que argumento debía usar como fío argumental para esta miña devoración (especialmente gostosa neste caso) e a cada pouco me sobreviña un pensamento: A este país fáltalle épica. Analizando polo miúdo esa hipótese cheguei a varias conclusións. En primeiro lugar non é que a este meu país lle falten sucesos heroicos (só teño que pensar nos percebeiros), o que si lle falta a este noso terruño son narradores que nos lembren que non somos un país de servos. O que nos falta non é Ivanhoe senón Walter Scott.

A Morte de Rei nace do puño dun fillo de labregos pobres de Roás, da man dun vendedor de libros que ten a capacidade de escribir palabras fermosas, das máis fermosas e ben traballadas que hoxe poden oírse. É o Darío un exemplo para narrar heroicidades porque como home é un home honesto e humilde, que ben pode techar un faiado como darnos o máis sensible dos cálamos, que pode aloumiñar a nosa alma brevemente, ou brotar de raiba un natural aturuxo. E así é este Morte de Rei.

Permitídeme que a paixón me leve por derroteiros que non agardaba no comezo: a lectura deste delicioso volume debera ser unha obriga non en todas as escolas, senón en todas as casas (o que podería ser un xeito bon de facer un Censo Vecindario, coma os que outrora se estilaban). Quen non quererá formar parte do exercito dun rei tan sabio, quen non poría a vida por peñor na espada dun rei tan amable, quen non se confortaría coa mirada amiga dun rei-camarada. Eu, pacifista, republicano e a miúdo covarde, deixaría que a raiba do vento levase o meu aceiro no flanco de nemedaos do exercito do rei... (ao igual que aos 9 anos daba voz por Ricardo Corazón de León ante a lectura de Walter Scott).

Ben sei que este rei tan bon e cun final tan amargue non é un fiel retrato de ningún rei pasado, e ben sei tamén que o rei que nos mostra é un rei imperfecto mais de alma pura, e é ese comandante o que se me presenta coma un rossignol. Esa imaxe dun lider bon, xusto, próximo e amable, porque, mal que nos pese, todos precisamos guías, chamádeos reis, chamádeos exemplos, chamenos como os meus irmáns estimen.

Coido que, cada alma sensible, ao ler esta ensoñación de cabaleiros (ou aínda máis, ao ler a ensoñación d'O Cervo na Torre), debe deixar escapar un breve laio, unha bagoiña que escorregue polo corpo enteiro e deixala prendida da súa páxina final, pois paga a pena salgalo...

martes, 11 de marzo de 2008

Os Fillos da Terra

Ola Irmáns,
Gran proxecto o do Gran Mestre!! Dende xa, o meu apoio e a miña intención de participar sempre que teña algún bo libro que comentar, eu, que son ben pouco amiga de participar nestes foros abertos a tantos ollos.
Como sempre, o principio é importante. Para min, a elección de libro para o estreo é doada. Chegou ás miñas mans como un pequeno tesouro familiar que foi (e aínda está) pasando polas mans dos integrantes da miña familia. Trátase dunha colección títulada Os Fillos da Terra e escrita por Jean M. Auel. A versión orixinal é inglesa e, que eu saiba, non hai tradución ao galego. A colección consta de 5 volumes (O clan do oso cavernario, O val dos cabalos, Os cazadores de mamuts, As planicies en tránsito e Os refuxios de pedra). A historia sitúase na prehistoria e permítenos acompañar a Ayla (de quen me permito adoptar o meu alcume) a través da súa vida. Ela é unha nena homo sapiens que perde a súa familia nun terremoto e que é recollida por un clan de homo neanderthalensis, polo que terá que adaptarse á vida e aos costumes deste grupo de persoas. Esta adopción marcará absolutamente toda a súa vida, mesmo cando deixe de vivir con eles para buscar individuos da súa especie. Como non quero esnaquizar a colección, non darei moitos máis detalles sobre a historia. Moito positivo e pouco negativo atopamos no libro:
- O negativo: as constantes analepses e referencias aos libros pasados que a autora se ve obrigada a facer, sobre todo nos últimos libros da colección, e que en ocasións provocan certa pesadez na lectura.
- O positivo: o afán de superación, as ganas de aprender, de ser mellor, de conseguir vivir sendo completamente autosuficiente, a capacidade de decidir, de romper os tabús, de pensar por si mesma que acompañan a Ayla durante toda a historia fan que para min este sexa un libro especial. Ayla, a rapaza indefensa que está a piques de morrer canda toda a súa tribu, consegue vivir e sobrevivir con xentes que non entende e que non a entenden, e esta supervivencia vese durante toda a historia.
A superación persoal, a amizade verdadeira, a xenerosidade total, o amor son algúns dos trazos positivos que tinguen esta historia prehistórica, trazos que aínda hoxe todos queremos que tingan as nosas historias persoais. Sen dúbida, unha lectura para recomendar.

Los Hijos de la Tierra, Jean M. Auel, Maeva 1994.

domingo, 9 de marzo de 2008

Bernardo Atxaga: o xenial director de orquestra.

Non sabía con que libro comezar. Pensei moito nisto, pero creo que, despois dun tempo, non é tan importante. Son Turzi e pretendo dar dúas ou tres pinceladas dalgúns libros que me gustaron. Non son un bo crítico, non lin moitas das grandes obras literarias do canon. Estou contra o canon (aínda que sei que existe) e contra a creación de novas listas imprescindíbeis. Cales son os 100 mellores lugares onde vivirías? cales as 100 mellores películas? cales os modelos máis guapos? e os 100 mellores libros? Vaia, que prefiro ler e compartir con vós -informalmente e sen ánimo de sentar cátedra- o que me pareceron algúns libriños.

Eis a miña primeira viaxe literaria:

Algunhas veces topamos con libros que non podemos deixar de ler, que nos transforman durante días nos que avanzamos na trama e fan que desconectemos da realidade e que vivamos canda os seus personaxes. Sen dúbida, este é un deles.
O fillo do acordeonista métenos de cheo na Patria Vasca, pero non nos referimos a "Vasca" dun xeito seriano nin copetiano, senón que se trata da outra patria, a das palabras ("A minha pátria é a minha língua").
Grazas á tradución de Ramón Nicolás (mágoa dunha mellor revisión final) puidemos ler en galego a historia de Joseba e David, dous amigos que se encontran en California e rememoran os seus días da infancia en 1957 na escola de Obaba -unha aldea do norte de Navarra que Atxaga lanzou ao mundo con Obabakoak- retratada dende os tempos da Guerra Civil de España aos da posguerra e remate do franquismo.
Cando novo, David vive feliz cos seus amigos de Obaba, pero pouco a pouco ve cousas ben estrañas que ninguén lle explica. As familias calan, non se conta nada. O silencio é oprimente e transfórmase nun compañeiro inseparábel. Durante a súa adolescencia o fillo do acordeonista procura información sobre o que aconteceu en Obaba no pasado coa súa familia e coas dos seus amigos. David acaba por se posicionar nun bando distinto ao do acordeonista.
Bernardo Atxaga, quen xa nos sorprendera con Obabakoak e Memorias dunha vaca creou unha novela tremendamente humana. É esta unha obra que reflicte o interior dos personaxes da cuadrilla de David -e onde as relacións que este estabelece con cada un deles teñen moitísima forza-. Alén disto, a natureza e a paisaxe transfórmanse en dúas personaxes importantísimas no libro e as montañas e os vales forman parte da acción.
O xenial autor guipuscoano, como un director de orquestra que prepara e afina todos os instrumentos para que soen ben, sérvese do relato para tocar o tema da amizade, da memoria, da saudade, do compañeirismo, da traizón e tamén da morriña de quen deixa a súa terra sabendo positivamente que nunca voltará a ela.
Como se comentou na presentación do libro, hai xa catro anos, é probábel que esteamos perante a maior novela en Euskara escrita até hoxe.
A súa lectura desmonta moitos tópicos sobre Euskal Herria, tópicos que se construíron en épocas nas que interesaba ofrecer unha determinada imaxe e que limitan a visión dos vascos e das vascas polo mundo adiante.
Beizón ao señor Atxaga por este agasallo.

Atxaga, Bernardo: O fillo do acordeonista. Vigo: Xerais. 2004.

viernes, 22 de febrero de 2008

Evocacion Devoradora: Fausto

É o Fausto unha desas lecturas que soen figurar no cadro das débedas, unha historia universal que, por repetida en diferentes tradicións literarias, todos coñecemos cremos coñecer.

Unha vez satisfeito o caixón do debe, saciada a sede devoradora, o seu pouso resulta dun sabor agridoce malia a pobre tradución: por unnha banda a grande obra, por outra banda a alma encollida coma un rato. A lectura ten un pouco de decepción por tratárense de temas e lugares moi comúns e recorrentes, non obstante como digo, a escapada ao mal obriga a alma lectora a sorprenderse a cada paso, a retraerse e botar un ollo sobre si mesma, atopando evidencias do mal no seu interior. O fondo pseudoapocalíptico do Fausto non é senón un escenario, un pano pintado, un mural que agacha o verdadeiro caos, o turbulento remuíño no que as almas caen, o seu ego primixenio.

É polo tanto o Fausto, un lugar onde a alma pode ser examinada e sometida ao ollo crítico do lector co seu propio ser. O Fausto é, por tanto, unha referencia de comparación...

A miña próxima lectura <Se o vello Simbad volvese ás Illas, Maese Cunqueiro> ou quizabes <Morte de Rei do escriba Cabana>

martes, 19 de febrero de 2008

Fausto, ou os incertos camiños da alma

Cando comecei a pensar na primeira lectura que quería compartir convosco axiña me veu un autor e un nome. E despois dun tempo preparando un enfoque místico acorde con esta nosa irmandade decidín mudar de obra, de autor, lingua, país e época. A razón é ben simple, unha primeira achega neste proxecto debía ter un algo de maligno, un tanto de inferno salferido de personaxes de corno, tridente e rabo.

Finalmente quero compartir convosco a Lucifer, Satanás, Belcebú, sobranceiramente, neste caso, Mefistófeles. E con que obra mellor que coa peza de Goethe, o Fausto, para escomenzar esta andaina na que nos imos reunindo.

A obra, bebendo dunha tradición alemá iniciada cun personaxe supostamente real (Georgius Faustus), e sobre todo coa publicación de Historia von D. Johann Fausten publicada polo libreiro Johann Spies –é por iso que é coñecida como o "Fausto de Spies". Nesta primeira manifestación do mito de Fausto, bastante exitosa por outra parte, é o protagonista quen convoca ao diaño para realizar un pacto que queda selado con Mefistófeles (un subordinado do demo). Aínda que no resto da historia o mito achégase á súa versión máis coñecida, a transmitida por Goethe, o inicio da relación entre o ser humano é o mal é, neste caso, algo desexado, algo que intencionadamente procura o personaxe. É probablemente este inicio na relación xunto co carácter moralista da obra o que provoca que o Doutor Fausto non teña o privilexio do arrepentimento, condeando a súa alma eternamente ao inferno.

Pouco antes da publicación en 1808 da primeira parte do Fausto de Goethe, retomara Lessing o mito, pero, desta vez, outorgando por vez primeira a oportunidade de redimir as súas faltas, permitindolle deste modo ao doutor a súa salvación.


Fausto de Johann Wolfgang von Goethe
É o Fausto de Goethe o que hoxe en día, empregando termos fílmicos, poderiamos considerar a montaxe final ("Fausto. The final cut") da tradición alemá do mito. Nela, o dramaturgo alemán fai e desfai o novelo, constrúe un Fausto baseado no primixenio pero con engados e modificiacións, creando unha metamorfose de cara a un Fausto universal. E este non é outro que un ser desnortado, un doutor que dedicou por enteiro a súa vida ao estudo, ninguén máis ca el sabe das cousas extraterreas, pero ninguén tan ignorante como el do mundo físico, ninguén tan fóra da caverna.

Non hai que esquecer que en moitas pasaxes da obra Goethe aproveita para facer pequenos escarnios de correntes literarias e mesmo de autores do seu contorno próximo, polo que Fausto ben podería ser un compendio da intelectualidade da época. Con todo, resulta obvio que Fausto ten tanto de individual como de colectivo, polo que podemos establecer dúas vertentes.

De tratalo como un personaxe colectivo estariamos ante unha obra social que procura retratar a intelectualidade da época de explendor do romanticismo alemán. O romanticismo representa unha apertura ao popular, un contacto directo coa cultura propia, que racha cunha tradición secular de intelectualidade pechada e dedicada ao estudo. Fausto vive ese mesmo proceso, o seu encerro non o enche, a súa ansia de saber nunca é saciada. Nese momento aparece Mefistófeles, non como representación do inferno, senón do mundano e do terreal, o anxo caído encadea a súa alma ao mundo terreo.

De tratalo como un personaxe individual atopo no Fausto un sentimento fondamente intimista, a reclusión do artista, a diferenza entre o mundo da alma e o mundo do corpo; unha loita continua entre o querer ser (a alma que se reparte libre e ve o mundo dende o plano cenital) e un corpo ligado a un mundo que non se comprende, do que se ten medo, en definitiva, un corpo que hai que disfrazar e cubir con enfeites.

A viaxe deste Fausto comeza e remata co amor. Na súa concepción colectiva poder podería tratarse como lin nalgures do eterno feminino, que actúa igualmente como condea e como salvación. No terreo persoal o feminino é un personaxe igualmente condenado "Margarita", o feminino actúa como contrapunto e como consciencia de que, contrariamente aos actos da alma, as faltas do corpo afectan aos seres colindantes. E na consciencia disto está, probablemente, a salvación final.

Na imaxe inicial que ilustra esta entrada podedes ver un cartel de primeiros de século dunha representación americana da versión inglesa do Fausto, datada tamén no século XVI e atribuída a Christopher Marlowe, quen parafrasea a Spies a partir da tradución inglesa. A seguinte imaxe pertence a unha edición do Fausto de Spies, mentres que a terceira e última a unha edición da primeira parte do Fausto de Goethe.

viernes, 8 de febrero de 2008

COMEZA A FUNCIÓN

Pasada unha primeira fase de desánimo e de incerteza comezamos a actividade devoradora. Agardamos as colaboracións de todos os irmáns e irmás que foron ou irán sendo convidados a pertencer a esta ilustre agrupación.

Benvidos.

miércoles, 23 de enero de 2008

MANIFESTO

Como primeira entrada debe haber un manifesto (consensuado) mentres tanto... mantémonos á espera cun fragmento do Manifesto Máis Alá de Manuel-Antonio e Álvaro Cebreiro en 1922:

Nós

Despois de ter dito que non traernos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.

Cansos xa de percorrer canijos vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos,
quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros caminos poden ser nosos. ANovidade que enxerguemos é tan só un anedamento, un ceibamento do pasado sen a definición da súa resultanza: isto é arbitrariamente persoal,
E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos "movementos" literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son un negamento non só do pasado se nón de tódolos tempos e tódalas cousas, dende o bo gusto ata a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos pieceptos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, coa anárquica dilecn individual.

Proximamente un manifesto propio substituirá a esta entrada: