martes, 11 de marzo de 2008

Os Fillos da Terra

Ola Irmáns,
Gran proxecto o do Gran Mestre!! Dende xa, o meu apoio e a miña intención de participar sempre que teña algún bo libro que comentar, eu, que son ben pouco amiga de participar nestes foros abertos a tantos ollos.
Como sempre, o principio é importante. Para min, a elección de libro para o estreo é doada. Chegou ás miñas mans como un pequeno tesouro familiar que foi (e aínda está) pasando polas mans dos integrantes da miña familia. Trátase dunha colección títulada Os Fillos da Terra e escrita por Jean M. Auel. A versión orixinal é inglesa e, que eu saiba, non hai tradución ao galego. A colección consta de 5 volumes (O clan do oso cavernario, O val dos cabalos, Os cazadores de mamuts, As planicies en tránsito e Os refuxios de pedra). A historia sitúase na prehistoria e permítenos acompañar a Ayla (de quen me permito adoptar o meu alcume) a través da súa vida. Ela é unha nena homo sapiens que perde a súa familia nun terremoto e que é recollida por un clan de homo neanderthalensis, polo que terá que adaptarse á vida e aos costumes deste grupo de persoas. Esta adopción marcará absolutamente toda a súa vida, mesmo cando deixe de vivir con eles para buscar individuos da súa especie. Como non quero esnaquizar a colección, non darei moitos máis detalles sobre a historia. Moito positivo e pouco negativo atopamos no libro:
- O negativo: as constantes analepses e referencias aos libros pasados que a autora se ve obrigada a facer, sobre todo nos últimos libros da colección, e que en ocasións provocan certa pesadez na lectura.
- O positivo: o afán de superación, as ganas de aprender, de ser mellor, de conseguir vivir sendo completamente autosuficiente, a capacidade de decidir, de romper os tabús, de pensar por si mesma que acompañan a Ayla durante toda a historia fan que para min este sexa un libro especial. Ayla, a rapaza indefensa que está a piques de morrer canda toda a súa tribu, consegue vivir e sobrevivir con xentes que non entende e que non a entenden, e esta supervivencia vese durante toda a historia.
A superación persoal, a amizade verdadeira, a xenerosidade total, o amor son algúns dos trazos positivos que tinguen esta historia prehistórica, trazos que aínda hoxe todos queremos que tingan as nosas historias persoais. Sen dúbida, unha lectura para recomendar.

Los Hijos de la Tierra, Jean M. Auel, Maeva 1994.

1 comentario:

Cuspedepita dijo...

Lin fai tempo esta colección de Jean M. Auel e quedei fascinada pola minuciosidade con que estudiou toda a época prehistórica para conseguir ao mesmo tempo uns libros dos que enganchan, que empezas a ler e non podes parar, e que describen á perfección formas de vida dos primeiros poboadores de Europa, e que che axudan a entender unha parte da prehistoria que non sempre é doada e atractiva.

Concordo con Ayla, en destacar como positivo o afán de supervivencia nun mundo hostil e de superación persoal da protagonista.