domingo, 30 de marzo de 2008

Algo de polémica... con outros ollos



"Desde a outra banda das barras e do mar,
desde a Galicia dos castros, Fidel e Rosalía,
pomos convosco o pé no xugo,
irmáns na besta incursos,
no verso e na voz e na alta noite mesma (...)"
Anxo Angueira

Non pretendemos facer propaganda con isto. Algunhas veces falamos sen coñecer. Outras veces discutimos o que nos din. Pero moitas outras veces, calamos coma p_t_s e achantamos fronte ás versións oficiais.
Apetecíame mudar de xénero nas miñas viaxes literarias. Este libro impresionoume moito. Non adoito ler biografías nin entrevistas tan longas, pero pagou a pena facer unha excepción con Fidel. Enxalzado por uns poucos e moi criticado polos máis, este personaxe do Século XX responde todas as preguntas que lle formula Ramonet. Non é unha entrevista sinxela, senón que ataca moitas veces os puntos máis conflitivos da democracia cubana. Trátanse moitas cuestións polémicas (o carácter da Revolución, o comunismo, as relacións co resto do mundo, as posíbeis invasións do exército estadounidense, a falta dalgunhas liberdades, as eleccións cubanas, a consideración de países europeos, o futuro da illa, etc.) pero hai tamén moita historia ben contada nas máis de seiscentas páxinas das que gozamos cunha precisa análise do mundo no que vivimos.
Revisado polo Compañeiro Fidel en 2006, é un libro que está de actualidade e que nunca deixará de estalo.
Para ler antes, durante ou despois de ir de visita a Cuba.
Moi recomendado para comunistas pero, sobre todo, para as persoas máis críticas co sistema cubano e co señor Castro.

Ignacio Ramonet: Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. Vigo: Xerais. 2007.

No hay comentarios: